Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024. Cegasal, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro, quere poñer de manifesto o compromiso das administracións públicas coa inclusión laboral das persoas con discapacidade tras os encontros mantidos recentemente co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González, e co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
No marco do proceso de diálogo aberto cos diferentes axentes implicados na xeración de emprego na comunidade, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, reuniuse con Herminio Martínez Lago, presidente de Cegasal. Nesta reunión, púxose en valor o incremento dos centros especiais de emprego (CEE) nos últimos anos, destacando que o número de CEE aumentou un 18% desde 2020, pasando dos 111 aos 131 actuais. José González agradeceu a labor de Cegasal no impulso destas entidades, que permiten a integración laboral das persoas con discapacidade no sistema produtivo e serven de tránsito ao mercado laboral común.
Ademais, abordouse a tramitación da nova lei estatal de economía social, para a que Cegasal xa presentou as súas achegas. O conselleiro mostrou o seu apoio ás demandas da asociación co obxectivo de consolidar esta fórmula empresarial solidaria en Galicia.
Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mantivo un encontro con Herminio Martínez Lago, no que se trataron as necesidades laborais e empresariais das persoas con discapacidade e se exploraron formas de cooperación conxunta para mellorar a empregabilidade deste colectivo en Galicia.
Herminio Martínez Lago subliñou a importancia destes encontros, que permiten a Cegasal defender os intereses das persoas con discapacidade e promover o desenvolvemento de políticas que favorezan a súa inclusión laboral.
Cegasal seguirá traballando con decisión para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva, colaborando estreitamente coas administracións públicas e outros axentes sociais para acadar este obxectivo.